Xornada sobre o Hub de GNL de Reganosa
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que o Hub de GNL é un reto para o impulso da industria verde en Galicia, durante unha xornada sobre esta iniciativa de gas natural licuado de Reganosa, celebrada o pasado 24 de novembro en Ferrol.
O conselleiro mostrou a vontade da Xunta de ser un actor máis no impulso deste Hub e explicou que é unha das liñas prioritarias tanto nas políticas industriais como enerxéticas. Así, puxo á súa disposición os instrumentos cos que a Xunta conta en materia de innovación, como as Unidades Mixtas de Investigación ou a Compra Pública Innovadora “onde a propia administración poida ser o primeiro demandante e activar proxectos neste eido”.
Conde tamén lembrou que unha das vocacións da Administración é ser facilitadora e insistiu nas facilidades que a Xunta pode aportar en materia de tramitación administrativa e garantir que os proxectos se poidan resolver de xeito áxil.
Conde explicou a aposta que o Goberno galego está a facer por sectores emerxentes como o aeronáutico ou o biotecnolóxico ao que sumou tamén o traballo desenvolvido ao redor deste Hub: “Na aposta por un sector emerxente hai que identificar se se conta coa infraestrutura, coas empresas tractoras necesarias e co coñecemento. E Galicia conta con todos estes elementos”, asegurou o conselleiro. Conde destacou a capacidade instalada coa que conta Galicia, as importantes empresas tractoras que están instaladas e que poden estender os seus efectos ao resto do tecido produtivo e insistiu en que Galicia conta con coñecemento grazas ao traballo de Universidades e centros tecnolóxicos.
O conselleiro finalizou instando aos asistentes á xornada -entre os que se atopaban representantes de Reganosa, Gas Natural Fenosa, Navantia, Universidade da Coruña ou Autoridade Portuaria de Ferrol- a formar unha mesa permanente para seguir a traballar no desenvolvemento de infraestruturas e na xeración de demanda e conseguir, deste xeito, camiñar xuntos nun reto de país que supón conseguir que Galicia vaia por diante no desenvolvemento desta fonte enerxética moi vinculada a oportunidades de negocio e fixación de tecido industrial, a través da aposta pola economía verde.