Primeira etapa galega na Volta a España en vehículo eléctrico
O pasado 18 de octubre celebrouse a primeira etapa da II Volta a España en vehículo eléctrico. Organizada por ENDESA, fixo o recorrido As Pontes-Santiago.
O acto de finalización de etapa contou coa presencia de Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria, que lanzou unha mensaxe en defensa do transporte limpo. Conde apelou as Directrices Enerxéticas de Galicia, nas que se contempla a potenciación e implantación do vehículo eléctrico o uso do gas natural para o transporte marítimo ou pesado.
As medidas de implantación de transportes limpos, permitirían unha redución de case 400.000 toneladas de emisións de gases contaminantes, antes de 2020. As matriculacións de vehículos eléctricos en Galicia están crecendo máis do dobre que o ano pasado, e tamén crecen as de vehículos híbridos. Na actualidade Galicia conta con 2000 vehículos eléctricos e híbridos.
As Directrices Enerxéticas de Galicia contan cun orzamento público-privado de máis de 3000 millóns de euros ata 2020. O obxetivo é impulsar a transición enerxética dunha forma progresiva e sustentable, cunha decidida aposta polas enerxías renovables, a eficiencia enerxética e a mobilidade eléctrica.