A Universidade de Santiago de Compostela celebra o Día Internacional da Eficiencia Enerxética
O vindeiro venres día 7 de marzo un grupo de vintecinco persoas vinculadas á Universidade de Santiago de Compostela (alumnos, PAS e profesorado) realizou unha visita ás instalacións enerxéticas eficientes do Campus Sur, co fin de coñecer a realidade das mesmas e o esforzo emprendido por esta Universidade para poñerse á vangarda da implantación de medidas de aforro e eficiencia, dentro do seu compromiso co desenvolvemento sostible dos derradeiros anos.
Esta visita foi organizada polo Plan de Desenvolvemento Sostible e a Unidade de Enerxía e Sustentabilidade, con motivo da celebración do Día Internacional da Eficiencia Enerxética, que foi o pasado 5 de marzo.
A visita foi guiada pola coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible (María Teresa Barral), o responsable de Enerxía e Sustentabilidade (Fernando Blanco Silva) e o técnico de instalacións térmicas da USC, Luis Abades Martínez, e consistiu na visita a diferentes centros do Campus Sur. A grande avantaxe do Campus Sur é que nun radio duns cincocentos metros ó redor do Monte da Condesa existen instalacións de enerxía solar térmica, fotovoltaica, xeotermia e coxeración nos edificios CIQUS, CITIUS, Facultade de Física e Estadio de Atletismo; ademáis destas instalacións de tecnoloxías renovables os asistentes tamén puideron coñecer a instalación de alumeado intelixente da Residencia Universitaria Monte da Condesa, torre de refrixeración na Facultade de Matemáticas, sombreado exterior da Escola Técnica Superior de Enxeñería ou as caldeiras de condensación do edificio CIQUS; todas estas instalacións demostran a aposta da Universidade de Santiago de Compostela polas tecnoloxías máis respectuosas co medio ambiente así como pola redución dos combustibles fósiles e a redución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro.
A Universidade de Santiago de Compostela é unha universidade pioneira a nivel nacional no aproveitamento sinérxico das súas instalacións enerxéticas eficientes; ademais de incrementar o seu compromiso co medio ambiente estas instalacións son a cotío utilizadas para a docencia (a visita ás mesmas é cotidiana por parte dos estudios científico-tecnolóxicos) e para a investigación, xa que existen máis de vinte grupos de investigación que abordan tecnoloxías limpas e consumo eficiente da enerxía, aproveitando nalgúns casos as propias instalacións propias e sendo publicados traballos de investigación en revistas internacionais.