Nova subestación eléctrica en Ribadeo
A nova subestación eléctrica de Ribadeo, de Viesgo-Begasa, é un importante reforzo na rede de subministración da Mariña Oriental, no norte da provincia de Lugo. Mellora a calidade de servizo dos 56.000 habitantes de Ribadeo, Barreiros, Trabada e A Pontenova e supón un importante impulso á actividade industrial, especialmente para o polígono de Ribadeo.
O acto de posta en funcionamento da subestación eléctrica, o 13 de febreiro, contou coa presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que asegurou “A subestación terá un importante impacto nos veciños e nas empresas e suporá unha mellora para evitar os cortes e microcortes que teñen tanta incidencia na calidade de servizo”. Destacou tamén a colaboración entre os concellos, a Xunta de Galicia e o Estado, a través do SEPES, para impulsar o desenvolvemento deste proxecto da subestación eléctrica de Ribadeo.
Galicia contará cunha nova infraestrutura na rede de suministro eléctrico que reforza os puntos da Mariña e da provincia de Lugo. O sector enerxético representa o 4,3% do PIB de Galicia e xera máis de 22.000 empregos.